68 MÚSICOS TOCARON NO CONCERTO PARA CELEBRAR O 25º ANIVERSARIO DA BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA DE RIBADEO.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo contou con 68 músicos sobre o escenario no concerto de celebración do seu 25º aniversario, que se celebrou na tarde noite de onte, sábado, no auditorio ao aire libre de Cabanela, que acolleu a numeroso público.
 
Antes de empezar a actuación musical gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas dos atentados de Cataluña. Durante o concerto tamén houbo unha lembranza para a familia do ex compoñente da Banda Hugo García, que ía tocar neste concerto pero non puido facelo porque unhas hora antes faleceu o seu pai.
 
A banda ribadense, dirixida por David Ballester, interpretou algunhas das pezas máis destacadas do repertorio da formación durante estes 25 anos: Marcha militar Nº 1, de Franz Schubert; Mood Romantic, de Johan Nijs; Lonxe do Mar, de Hernán Naval; Ross Roy, de Jacob de Haan; Amparito Roca, de Jaime Texidor; e The Second Waltz, de D. Shostakovitch. Ademais ofreceu dous bises: Radetzky, de Strauss; e Muiñeira dos Pendellos, de Juan Lois Diéguez.
 
O evento foi presentado polo xornalista ribadense afincado actualmente en Barcelona Suso López, ex compoñente da Banda, que ademais foi un dos músicos que tocou no concerto.
 
Despois da actuación musical celebrouse a tradicional churrascada anual da Banda Municipal de Música de Ribadeo e a continuación houbo festa amenizada por unha discoteca móbil.
 
 
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...