A BANDA DE RIBADEO OFRECEU O CONCERTO DO DÍA DA PATRIA ONTE, XOVES, CANDO SE CUMPRIRON 15 ANOS DESDE QUE DAVID BALLESTER COMEZOU A DIRIXILA.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofreceu o tradicional concerto do Día da Patria no ribadense Campo de San Francisco onte, xoves, día no que se cumpriron 15 anos desde que David Ballester Martínez comezou a dirixir a formación.
 
O concerto foi presentado pola concelleira de Turismo, Marta Saiz, e despois a Banda ribadense interpretou estas pezas: Banda Galega, de Felisindo Pérez Seara; Alborada de Celanova, de Francisco Landín; Marcha Triunfal de Aida, de Giuseppe Verdi; O Chopo, de Manuel Iglesias; Destellos del Alba, de Ferrer Ferran;  A Fiada, de José Lodeiro; Latin Gold, arranxada por Paul Lavender; A Cova do Rei Cintolo, de Frank J. Cogollos; e  Rapsodia Galega nº 1, de Enrique García Rey. De bis tocaron a Muiñeira das Comadres, de Simón Couceiro, e rematou o concerto co himno galego.
 
O director da Banda de Ribadeo agradeceu ao público a asistencia e os aplausos, recordou que tal día como o de onte hai 15 anos fíxose cargo da Banda e comentou que a peza coa que empezaron este concerto foi a primeira que dirixiu coa Banda de Ribadeo e explicou que decidiu empezar esta actuación desta maneira “para rememorar aqueles tempos”. 
 
David Ballester destacou ademais: “durante estes 15 anos foi moita a xente que me axudou a que isto fora para adiante, aos que quero agradecerllo; aos que ao principio confiaron en que eu me podía facer cargo da Banda Municipal de Música de Ribadeo, tanto do Concello -naquel  momento era concelleira Mari Luz Álvarez Lastra- como da asociación Amadores da Música, que é a que se fai cargo da Banda en gran parte. A todos os presidentes que pasaron quero darlles as grazas por aturarme porque ás veces igual son un pouco pesado con algunhas cousas”.
 
Ballester engadiu que “ao final o menos importante é o director, os importantes son os músicos porque son os que fan que a Banda día a día funcione e soe así. Para min é un orgullo levar 15 anos dirixindo a Banda e gustaríame seguir algún aniño máis”. Ademais pediu un aplauso para os músicos “polo traballo que fan e por aturarme”, e tamén ao técnico municipal Alberto Moledo, quen lle entregou un ramo de flores en nome dos integrantes da Banda polos 15 anos que leva de director.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...