A BANDA DE MÚSICA DE RIBADEO OFRECERÁ O CONCERTO DO DÍA DA PATRIA, O 25 DE XULLO, E ACTUARÁ NO FESTIVAL O DÍA 29 XUNTO ÁS FORMACIÓNS DE ARCA E DE LUARCA.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá dous concertos a vindeira semana. O primeiro deles será o vindeiro martes 25 de xullo, Día da Patria, ás 20:30 horas no parque de San Francisco. Ademais o sábado 29 de xullo terá lugar o festival no que a Banda de Ribadeo actuará xunto ás formacións de Arca e de Luarca, ás 19:00 horas, tamén no parque de San Francisco.
 
O presidente da asociación Amadores da Música, Chema Suárez, anuncia que “o concerto do Día da Patria Galega imos facelo no parque de San Francisco ás oito e media de tarde, se temos sorte e non chove, porque senón temos a alternativa de irnos para o Cine Teatro”.
 
Chema Suárez explica que “será un concerto para celebrar este día especial no que levamos anos participando e a temática vai ser fundamentalmente de temas de  compositores galegos, aparte vai haber algunha sorpresa e despedirémonos co himno galego; os programas incluso van levar a letra do himno impresa por se a xente quere cantalo con nosoutros, como se fixo o ano pasado por primeira vez”.
 
O presidente de Amadores da Música pide que “a xente de Ribadeo nos acompañe; a Banda é unha institución que pensamos que hai que velar por ela e unha das formas que ten a xente de velar pola súa banda e ir vela; ademais son concertos sempre totalmente gratuítos e pensando no pobo. Pensamos que é un bo día para disfrutar un pouco co traballo de todos, do director e de todos os músicos xoves que estes días ademais se están involucrando para participar nos concertos que estamos facendo. Contamos ver a toda a xente por alí e que o pasen ben”.
 
Festival de bandas
A Banda Municipal de Música de Ribadeo actuará ademais no Festival de Bandas que terá lugar o sábado 29 de xullo ás 19:00 horas. Chema Suárez anuncia que “será no parque de San Francisco salvo que o tempo non acompañe e haxa choiva, que nos trasladaremos ao Teatro. Van acompañarnos nesta ocasión a Banda de Arca (O Pino) e a Banda de Luarca, esta última veciños nosos do Occidente asturiano”.
 
O presidente de Amadores da Música insiste en “que a xente nos acompañe. Pedimos aos veciños de Ribadeo que se acheguen a ver á súa banda. Toda colaboración é pouca. Estamos as bandas, como sempre digo, non a de Ribadeo senón en xeral, con falta de determinados músicos. De feito para este festival o director, David Ballester, que foi quen se encargou de contactar con distintas bandas, unhas por falta de presuposto non podían afrontar a viaxe e outras por problemas de músicos non se animan a saír”.
 
Chema Suárez di que “nosoutros, aínda que nos fan falta músicos de determinados instrumentos, contamos cunha plantilla para este verano máis ou menos estable, dunhas 40 persoas, que non está nada mal para o que estamos vendo. Este domingo pasado, o día do Carmen, actuamos no Festival de Bandas de As Pontes, tíñamos todas un número de músicos máis ou menos similar e a de Ribadeo luciu ben”.
 
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...