A BANDA DE RIBADEO HOMENAXEOU AO SEU MÚSICO DE MAIOR IDADE, JOSÉ RAMÓN FERNÁNDEZ, DURANTE O CONCERTO DE SANTA CILLA, NO QUE DEBUTOU MANUEL POZO.

A Banda Municipal de Ribadeo homenaxeou por sorpresa ao seu músico de maior idade, o saxo barítono José Ramón Fernández López, coñecido como Monchín. Foi durante o concerto para festexar Santa Cilla, que se celebrou este pasado sábado no Cine Teatro ribadense. Ademais nesta actuación debutou coa Banda de Ribadeo Manuel Pozo Cota.
 
Antes de empezar o concerto houbo unha intervención a cargo da clarinetista da Banda Carolina Yanes: “non queremos comezar a falar deste concerto se antes facer referencia ao día no que hoxe estamos, 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Dende a Banda Municipal de Música de Ribadeo queremos amosar a nosa condena a calquera tipo de violencia que sofren moitas mulleres. O noso apoio máis sincero a todas a vítimas e esperemos non ter que falar nunca máis desta lacra, que non se concibe xa no século XXI”.
 
Carolina Yanes tamén salientou “o especial deste concerto de Santa Cilla, por ser a nosa patrona e por este ano, 2017, o 25 aniversario da nosa Banda. Xa van 25 anos de música dende aquel 25 de xaneiro de 1992. Durante todo este tempo moitos concertos, moita xente foi a que pasou pola formación e moitos deles participaron no concerto que se realizou o 19 de agosto no Auditorio de Cabanela. Agradecemos a todos os que participaron de calquera maneira na celebración deste feito tan importante para a nosa agrupación, así como aos que non puideron por diferentes motivos. Tamén queremos recordar a membros que non puideron desfrutar desta celebración, xa que desgraciadamente non se atopan entre nós, pero que contribuíron coma todos a chegar ata aquí: Hernán Naval Parapar (primeiro director da Banda), Almudena Pulpeiro Peña (trompa), Rubén Fernández Fernández (clarinete) e Dietter Hinz (clarinete)”.
 
O concerto da Banda ribadense dividiuse en dúas partes. Na primeira interpretou Concerto para Oboe, de Alessandro Marcello, con Isaac Pazos Pérez como solista; e Baghira (sonatina para saxo alto e banda), de Ferrer Ferrán, con Nicolau Pazos Pérez como solista. A segunda parte estivo dedicada aos pasodobres e a Banda de Ribadeo tocou por primeira vez Música y Vinos, de Miguel Morales; Don Pajarita, de Ferrer Ferrán , e Consuelo Císcar, tamén de Ferrer Ferrán. Ademais interpretou De Granada a Daimiel, de Luis C. Martín; Tercio de Quites, de Rafael Taléns, e rematou o concerto co pasodobre galego Lugo-Ferrol, de Gregorio Baudot.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...