A BANDA DE RIBADEO OFRECERÁ O SEU CONCERTO DE MÚSICA DE CINE, CON PROXECCIÓN DAS PELÍCULAS NUNHA PANTALLA, O DÍA 30 DESTE MES NAS ESCALEIRAS DA CASA DO CONCELLO.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu clásico concerto de música de cine, con proxección nunha pantalla de fragmentos das películas ás que pertencen as pezas que tocaran, o día 30 deste mes, venres, ás 22:00 horas nas escaleiras da Casa do Concello.
 
O director da Banda ribadense, David Ballester, anuncia: “a Banda Municipal de Música de Ribadeo continúa cos seus concertos da tempada de verán e o seguinte que temos é o venres día 30 ás dez da noite nas escalinatas do Concello. É un concerto de bandas sonoras, que cada vez está tendo máis éxito”. 
 
David Ballester engade que “a Banda Municipal de Música de Ribadeo nesta ocasión vai interpretar oito obras, que todas elas é a primeira vez que se poñen enriba do atril da Banda, con arranxos algúns deles non moi complicados e outros un pouco máis. Todo isto vai soar co acompañamento das imaxes desas películas, que seguramente sexan recoñecidas por todos porque son algunhas actuais e outras dalgunha serie”.
 
O director da Banda de Ribadeo quere “invitar á xente a que se achegue ás escalinatas do Concello, xunto ao parque de San Francisco, a gozar tanto da música como da proxección de imaxes. Espero que sexa do agrado de todo o público”.
 
Ballester sinala que “en caso de que non teñamos unha noite de bo tempo iremos ao auditorio; e se fose así intentaremos avisar coa maior antelación posible para que a xente vaia alí”.  
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...