A Banda de Música Municipal de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto Aquí como en Viena o sábado 28 de decembro ás 21:00 horas no auditorio Hernán Naval. Esta actuación, que incluirá danza, debutarán dous trompetistas.
O director da Banda ribadense, David Ballester, explica que “o mes de decembro é sempre moi especial porque chega o Nadal e nestas datas, como non podía ser menos, a Banda Municipal de Música de Ribadeo vai ter o seu concerto tradicional Aquí como en Viena. Este ano será no auditorio Hernán Naval o sábado 28 de decembro ás nove da noite, con entrada de balde ata completar aforo, para que toda a xente que asista poida estar o máis cómoda posible e non haxa ningún problema”.
Ballester salienta que “imos ter o debut de dous músicos, un deles que xa ía actuar no concerto de Santa Cilla pero que non puido por enfermidade, e outro que se estrea neste concerto. Son dous trompetistas e esperemos que estean moito tempo na nosa banda”.
David Ballester comenta ademais que “como é o 28 de decembro, un día un pouco dado a gastar bromas, entón algunha haberá no concerto e vai ser bastante ameno e divertido. A diferencia doutros anos, este ano non vai ser só música senón que vai haber tamén danza, a cargo do alumnado da Escola de Música e Danza de Ribadeo, nalgunha das obras que imos tocar. Como sempre, será unha primeira parte un pouco atípica, onde sonarán compositores como Beethoven e Mozart, e unha segunda parte máis ben dedicada ao que se refire a Viena, coa familia Strauss”.
O director da Banda quere “convidar á xente que se atope por Ribadeo a que o 28 de decembro ás nove da noite no Auditorio Hernán Naval veña desfrutar do concerto Aquí como en Viena, da Banda de Música Municipal de Ribadeo”.