A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofreceu onte, venres, o seu primeiro concerto deste ano, no que lembrou as actuacións que tradicionalmente facía durante a primavera e o verán pero que non puido levar a cabo pola pandemia do Covid-19: Letras Galegas, Festival de Bandas, Día de Galicia, festas de San Roque, churrascada no auditorio de Cabanela, concerto de Música de Cine, Ribadeo Indiano e festas da patroa.
Na actuación de onte, que tivo lugar no campo de herba artificial do colexio Gregorio Sanz, debutou a percusionista Mara Urbieta López e todos os músicos estrearon gravatas novas. A Banda ribadense interpretou Back to future, Lugo-Ferrol, No lo olvido, Return of de vikings, 1888, Banda Galega, Remember, Don Pajarita, Muiñeira dos Pendellos e finalmente, como bis, tocou unha peza na que se mestura a 5ª Sinfonía de Beethoven co Mambo Nº 5 de Pérez Prado.
Durante o concerto o director da Banda de Ribadeo, David Ballester, agradeceu o esforzo realizado polos músicos nos ensaios, nunhas condicións bastante incómodas, e tamén recordou a colaboración do Concello, do equipo de fútbol sala de Ribadeo, que cedeu o seu local no pavillón polideportivo onde ensaiamos para gardar instrumentos, e ao colexio Gregorio Sanz.