A Banda Municipal de Música de Ribadeo reuniu a gran cantidade de público onte, martes, no Campo de San Francisco para escoitar o concerto do Día da Patria. Foi presentado pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo.
A Banda ribadense, dirixida por David Ballester Martínez, interpretou estes temas: Mar y Cielo, de Jorge L. Vargas; Lugo-Ferrol, de Gregorio Baudot; Aleserman, de R. F. Groba; Concerto D’Amore, de Jacob de Haan; A Freixa, de R. F. Groba; Solamente una vez, de Agustín Lara con arranxos de Robert Longfield; Medley Boleros II, con arranxos de J. Molina; e The never ending story, de K. Forsey e G. Moroder, con arranxos de Patrick Roszell.
Como bis a Banda de Ribadeo tocou Guantanamera, que o director dedicou a un antigo compoñente da formación, Monchín, que estaba no público. E rematou o concerto coa interpretación do himno galego.
O próximo concerto da formación que dirixe David Ballester será no XXVIII Festival de Bandas ribadense, no que tamén actuará a Banda de Vilalba. Será este sábado, día 29, desde as sete da tarde, cando farán un pasacalles dende o Teatro ata o Campo de San Francisco; e a continuación, ás 19:30 horas, terá lugar o concerto no auditorio Hernán Naval, onde as bandas farán primeiro unha actuación individual e despois tocarán unhas pezas as dúas xuntas.