A BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA DE RIBADEO OFRECERÁ O SEU CONCERTO DE SEMANA SANTA O DÍA 28 DESTE MES NA IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DO CAMPO.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto de Semana Santa o mércores 28 de marzo. Esta actuación terá lugar na igrexa parroquial de Santa María do Campo ás 20:45 horas e nela a Banda interpretará por vez primeira sete obras relacionadas coa Semana Santa e debutará un novo músico. Ademais é o primeiro concerto para a nova xunta directiva da Asociación Amadores da Música, que agora preside Elisa Álvarez Amor.
 
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo, David Ballester, anuncia que “o mércores 28 de marzo terá lugar o tradicional concerto de Semana Santa a cargo da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Este ano retomamos o que anos atrás facíamos neste concerto, que era tocar na igrexa parroquial; así que será ese día 28 de marzo na igrexa parroquial ás nove menos cuarto da tarde. Neste concerto teremos a incorporación dun novo músico, un clarinetista, Ramón López, máis coñecido como Moncho”.
 
David Ballester explica que “o repertorio que se vai interpretar está relacionado, obviamente, coa Semana Santa; serán obras lentas e marchas procesionais, que penso que van ser do agrado do público asistente. Das oito obras sete serán tocadas por primeira vez pola Banda Municipal de Ribadeo, o cal creo que é unha marca de que as cousas se poden facer e poden facerse ben”.
Ballester quere “invitar á xente a que o mércores 28 de marzo ás nove menos cuarto da tarde se achegue pola igrexa parroquial de Santa María do Campo a disfrutar no concerto de Semana Santa da Banda Municipal de Música de  Ribadeo”.
 
O director da Banda sinala que “xa que volvemos tocar na igrexa queremos, desde a Banda e a Asociación de Amadores da Música, agradecer a colaboración para poder facer este concerto á igrexa de Ribadeo e aos curas”.
 
Nova directiva de Amadores da Música
Este será o primeiro concerto da Banda de Ribadeo para a nova xunta directiva da asociación Amadores da Música, que foi elixida nunha asemblea celebrada o día 10 deste mes. A presidenta é Elisa Álvarez Amor; o vicepresidente, José María Suárez García; o tesoureiro, José Ángel Bolaño Penelo; o secretario, Javier Ginés Abellán Torralba; e os vocais son David Ballester Martínez, Laura Izquierdo Rodríguez, Alberto Clemente Avilés, Alberte Chao Penabad e Diego Vizoso Castro.
 
A nova presidenta de Amadores da Música explicou que o seu principal obxectivo é “o mantemento da Banda, tanto no aspecto económico como no social. Persoalmente o que máis me motiva é o aspecto social, refírome ós  músicos e ó público, que nos é sempre fiel. Pola miña parte merece a pena esta ardua labor polo feito de apoiar ós músicos, sobre todo tendo en conta que a maioría son rapaces e rapazas que gastan moito do seu tempo ensaiando duramente. Por iso está directiva quere organizar unha viaxe de convivencia para os músicos e os seus pais, que tamén se merecen o noso recoñecemento. Esperamos poder sacar adiante esta iniciativa”.
 
Elisa Álvarez Amor engadiu: “anímame tamén serlles de axuda a David Ballester, primeiro director, e a Rubén Solloso, segundo director, porque fixeron un gran labor cos talleres para captar músicos para a canteira da Banda, que foron un gran éxito”.
 
A nova presidenta rematou comentando que espera “estar á altura do cargo. Pola miña parte farei todo o posible, como levo facendo desde hai moito tempo”.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...