A BANDA MUNICIPAL DE RIBADEO OFRECE O SEU CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS MAÑÁ NO CINE TEATRO.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto das Letras Galegas mañá, sábado, 19 de maio ás 20:30 horas no Cine Teatro.
 
O director da Banda ribadense, David Ballester, anunciou que “debido a que é o concerto das Letras Galegas imos enfocalo, como non podía ser doutra maneira, con música galega, de temática ou de compositores galegos como Xoán Montes, Juan Lois Diéguez, David Fiuza ou Reveriano Soutullo, interpretando diferentes tipos de música desde pasodobres a muiñeiras e  habaneras. Creo que vai ser un repertorio ameno e quero destacar que de todas as obras que imos tocar só hai unha delas que a Banda xa interpretou, o resto vai ser todo obras que tocamos por primeira vez. Creo que é importante resaltar isto porque tamén no último concerto de Semana Santa da Banda Municipal de Música de Ribadeo interpretamos nove pezas das cales oito era a primeira vez que se tocaban, e neste concerto vai ser un pouco do mesmo”.
 
Ballester salienta ademais: “temos a sorte de que a Banda vai crecendo pouco a pouco e neste concerto van facer unha pequena intervención catro novos compoñentes. Debido a que levan pouco tempo con nosoutros ensaiando, pero están con moitas ganas, propuxémoslles que se iniciasen neste concerto tocando nun par de obras; e aí van estar. Son Andrea, que toca a trompa; Ángel, a trompeta; e dous clarinetes, Patricia e Uxía. Isto quere dicir que a familia da Banda Municipal de Música de Ribadeo segue crecendo e esperamos que continúe así durante todo este ano”. 
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...