A BANDA MUNICIPAL DE RIBADEO VOLVE ENSAIAR DESPOIS DE 5 MESES SEN FACELO POLA PANDEMIA DO COVID19. AGORA OS ENSAIOS SON NO POLIDEPORTIVO DA RÚA ALFREDO DEAÑO.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo volveu ensaiar na tarde noite de onte, mércores, despois de 5 meses sen facelo pola pandemia do Covid19. Agora os ensaios son no pavillón polideportivo da rúa Alfredo Deaño para manter as distancias de seguridade. O director da formación, David Ballester, anunciou que teñen a intención de ofrecer un concerto ao aire libre antes de que acabe este verán.
 
“A Banda Municipal de Música de Ribadeo está de noraboa xa que despois de 5 meses e medio aproximadamente puidemos retomar os ensaios. É unha situación totalmente anómala porque debido a esta pandemia temos que gardar unhas medidas hixiénicas e de seguridade para realizar os ensaios e por iso no local onde o facíamos habitualmente non poderíamos cumprir esas medidas, co cal o Concello, tanto por medio da Concellería de Cultura como da de Deportes, cédennos sen ningún tipo de problema o pavillón. É algo necesario polas as medidas que temos que tomar: cada músico ten que estar separado un metro e medio como mínimo dos seus compañeiros, os percusionistas e máis eu temos que estar con mascarilla durante todo o ensaio e os músicos de vento no momento que están a tocar pódena quitar, porque manteñen a distancia, pero o resto do tempo están con ela posta”, explicou o director da Banda ribadense.
 
David Ballester engadiu: “cremos que é importante que a Banda volva á actividade porque se seguimos esperando non sabemos o que podería pasar. A intención era cando se levantou o estado de alarma deixar un tempo para ver o que pasaba e retomar os ensaios, pero nese momento desgraciadamente foi cando xurdiu o brote aquí, na Mariña, e obviamente o primeiro de todo é a seguridade dos músicos. Por iso decidimos esperar e cremos que este foi o momento idóneo e adecuado para volver ensaiar. Antes tivemos unha reunión cos músicos e cos pais para ver se estaban de acordo con retomar os ensaios e a resposta foi magnífica, non podía ser mellor, todos estaban totalmente de acordo e no primeiro ensaio, que tivemos este mércores, aí estaban todos os músicos, respectando todas as medidas de seguridade e hixiene, como ten que ser”.
 
O director da Banda de Ribadeo destacou que “o primeiro é non perder o contacto da Banda cos músicos e viceversa, que a Banda non pare, e se vemos que podemos ofrecer un concerto antes de que acabe o verán farémolo. As medidas que temos que tomar fan que se amplíe o espazo que ocupa a Banda polo cal só podemos facer este concerto con todos os músicos ao aire libre. Cando remate o verán veremos se nos temos que replantear como facer as actuacións, seguramente haberá que facer outro tipo de concertos. Entón iremos vendo como vai evolucionando todo o tema da pandemia porque é o que nos vai marcar un pouquiño os pasos a seguir”.
 
Ballester rematou comentando que están “moi contentos e alegres todos os membros da Banda por poder volver a encontrarnos baixo o mesmo teito para facer o que nos gusta, que é música”.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...