DÚAS MÚSICAS DEBUTARON COA BANDA DE RIBADEO NO CONCERTO DO DÍA DA PATRIA CELEBRADO ONTE.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofreceu onte, domingo, o seu tradicional concerto do Día da Patria, actuación na que debutaron dúas novas compoñentes: Carlota Moledo Santamarina, co clarinete, e Antía Romero Prieto, na frauta.
 
O concerto celebrouse na rúa, concretamente enfronte do edificio de Aduanas, para manter a distancia de seguridade entre os músicos pola pandemia. Houbo control de aforo para o público e outras medidas anticovid. Programouse para as 21:00 horas porque varios compoñentes da formación foron a Santiago a cantar a misa de Rosalía co coro do colexio Sagrado Corazón. O director da Banda ribadense, David Ballester, agradeceu o esforzo feito por eses rapaces e polos seus pais para chegar a Ribadeo a tempo para participar na actuación. 
 
A Banda ribadense tivo que recortar un pouco o programa previsto porque empezou a chover cando faltaba pouco para rematar o concerto. Interpretou estas obras: Ammerland, Cidra, Rosal de plata, La Virgen de la Macarena, ¡Música mestres!, Autumn leaves, Boleros para recordar, Muiñeira dos pendellos, Martiñika e o himno galego.  
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...