NO CONCERTO DE SANTA CILLA A BANDA DE RIBADEO ESTREOU OITO PEZAS E ACTUARON TRES SOLISTAS.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo, dirixida por David Ballester Martínez, ofreceu o seu tradicional concerto de Santa Cilla hoxe sábado, no auditorio municipal Hernán Naval. Nesta actuación a Banda tocou por primeira vez oito das nove pezas incluídas no programa e participaron tres solistas: o pianista Andrés Manuel Bermúdez García, a frautista Carmén Cortés Moreda e o trompetista Ángel Muíña López.
 
Os temas que estreou hoxe a Banda ribadense son estes oito: Dreamsong, de Richard L. Saucedo; Eolo, el rey, de Ferrer Ferran; Song without words, de Gustav Holst con arranxos de Michael Story; Ode an die freude, de Ludwig van Beethoven con arranxos de Willy Hautvast; Nessun dorma, de Giacomo Puccini con arranxos de Johnnie Vinson; Allegretto Sinfonía Nº 7, de Beethoven con arranxos de Robert Longfield; The firebird, de Igor Stravinsky con arranxos de Jack Bullock; e The planets, de Gustav Holst con arranxos de Douglas E. Wagner. Tamén interpretou Adaggieto for flute, de Ted Huggens. As obras foron presentadas por David Ballester, cunha pequena explicación de cada unha e dos seus compositores.
 
Ao final do concerto o director da Banda de Ribadeo agradeceu o esforzo dos músicos polas condicións nas que están ensaiando debido ao Covid. Tamén destacou a colaboración do Concello, en especial de Alberto, Francisco e David, que foron os encargados da montaxe para esta actuación, e felicitou aos tres músicos que actuaron hoxe como solistas.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...