No concerto de Semana Santa da Banda Municipal de Música de Ribadeo, celebrado onte na igrexa parroquial de Santa María do Campo, debutou o trompetista Alfredo Manzino e estrearon seis obras.
Antes de empezar a actuación o director da Banda, David Ballester Martínez, agradeceu a colaboración da Parroquia para ofrecer o concerto na igrexa, anunciou o debut de Alfredo Manzino e comentou que ían tocar seis obras por primeira vez. A continuación a presidenta da asociación Amadores da Música, Elisa Álvarez Amor, colocoulle a gravata e a insignia da Banda ribadense ao músico debutante, o trompetista Alfredo Manzino, veciño de Castropol.
No concerto a Banda de Ribadeo interpretou por primeira vez Cristo del Amor, de Francisco Javier Moreno; Callejuela de la O, de Paco Lola e Martín Salas; Puerta del Cielo, de Francisco Javier Criado; A compás la cera llora, de J. Manuel Velázquez Ruiz; Altare Dei, de Ricardo Dorado; e Concha, de Victor M. Ferrer. Tamén tocaron The Young María, de Charles Gounod con arranxos de Ted Huggens, e remataron interpretando outra vez a peza Puerta del Cielo.
A próxima actuación da Banda Municipal de Ribadeo será con motivo do concerto das Letras Galegas, que está programado para o 18 de maio, sábado, ás 20:30 horas no Teatro ribadense.