A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá este venres, 25 de agosto, o seu concerto de música de cine que estará dedicado fundamentalmente a películas infantís. Este concerto será ás 22:00 horas no parque de San Francisco. Ademais na Casa do Mar continúa a exposición do 25 aniversario da Banda que se clausurará o sábado 26 de agosto.
O director da formación, David Ballester, anuncia que “a Banda Municipal de Música de Ribadeo segue cos seus concertos agora na época de verán e este venres, 25 de agosto, ás dez da noite no parque de San Francisco, fará o concerto, que vai xa pola cuarta edición, de música de cine”.
David Ballester explica que “este ano o concerto de música de cine vai estar dedicado á familia. Vai ser unha actuación na que as obras que se interpretarán, coa proxección de imaxes das películas, van ser de filmes que sempre se viron na infancia”.
O director da banda quere “invitar a que toda a xente que veña a este concerto o faga en familia porque creo que van disfrutar, xa que imos tocar pezas de películas dos anos 60, 90 e desta última época. Penso que vindo os avós, os fillos e os netos seguramente disfruten deste concerto. Recordo que vai ser este venres, 25 de agosto, ás dez da noite no parque de San Francisco; e en caso de mal tempo ou choiva trasladarémonos ao Cine Teatro”.
Ademais David Ballester lembra que “esta semana segue a exposición do 25 aniversario da banda na Casa do Mar. Estará aberta ao público ata este sábado 26 en horario de mañá de once e media a unha e media e pola tarde de cinco a oito”.