O CONCERTO DE MÚSICA DE CINE DA BANDA MUNICIPAL DE RIBADEO XUNTOU A UNHAS 400 PERSOAS DIANTE DA CASA DO CONCELLO.

O concerto de música de cine da Banda Municipal de Ribadeo xuntou na noite de onte, venres, a unhas 400 persoas no parque de San Francisco, concretamente diante da Casa do Concello, xa que nas súas escaleiras foi onde se situaron os músicos da formación para ofrecer esta actuación e na súa fachada estivo a pantalla na que se proxectaron fragmentos das películas ás que pertencían as pezas que tocaron.
 
Antes de empezar o concerto a música Carolina Yáñez Santana fixo a presentación, na que explicou que “esta formación leva xa realizando este concerto dende o ano 2014, así que xa estamos na súa quinta edición. Dende a Banda e a Asociación Amadores dá Música foise apostando por actuacións que non estaban na súa programación habitual, como é o concerto churrascada no Auditorio de Cabanela, este que hoxe nos reúne aquí e algún que outro máis. Queremos agradecerlles a boa acollida que están a ter todas estas actuacións e as que pertencen á programación habitual da nosa agrupación polo apoio mostrado simplemente coa asistencia numerosa que cada un deles ten, o que fai que para nós sexa unha recompensa o traballo realizado”.
 
Despois a Banda ribadense, dirixida por David Ballester Martínez, interpretou temas pertencentes ás bandas sonoras das películas Unha mente marabillosa, Love Story, Parque Jurásico,  O Príncipe de Exipto, La La Land, Dirty Dancing, ¿Bailamos? e Sister Act. Cinco desas pezas foron tocadas por primeira vez pola Banda Municipal de Ribadeo.
 
David Ballester agradeceu a numerosa presenza de público e tamén o labor realizado polo empregado municipal Alberto Moledo e os rapaces que traballaron con el para a montaxe do escenario e a pantalla no exterior da Casa do Concello. Ademais destacou “o esforzo realizado polos músicos para facer este concerto, xa que se montou en só dous ensaios de dúas horas cada un, polo que a banda goza de boa saúde”.
E ao rematar o concerto Alberto Moledo dirixiuse ao público e pediu un aplauso para o director da Banda polo traballo que fai e o tempo que lle dedica á formación con moitas ganas.
A próxima actuación da Banda Municipal de Música de Ribadeo será o seu tradicional concerto das festas patronais ribadenses, o día 8 de setembro, sábado.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...