Ribadeo, 20 de xullo de 2016. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá un concerto o vindeiro luns, 25 de xullo, para festexar o Día da Patria Galega. Terá lugar no parque de San Francisco e principiará ás 21:00 horas.
O director da Banda, David Ballester, comentou que “o concerto estará dividido en dúas partes: unha con obras de temática galega ou de compositores galegos e a outra con pezas doutro tipo”.
David Ballester lembra que “é un repertorio que xa se tocou en Santiago de Compostela hai unhas semanas e imos repetir agora aquí, en Ribadeo. Esperamos que sexa do agrado de todo o público asistente”.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo explica que “o concerto realizado en Santiago estaba enmarcado nun ciclo que ten a Federación de Bandas de Galicia coa Xunta que se chama Música no Camiño, no que a Banda de Ribadeo participou o 26 de xuño na Praza da Quintana. Tivemos moi boa acollida, con bastante público e interpretando un repertorio que é o mesmo que imos ofrecer aquí, en Ribadeo, o vindeiro luns”.