Debido ás adversas condicións meteorolóxicas que houbo na xornada de onte, sábado, a vixésimo segunda edición do Festival de Bandas de Ribadeo, que se ía celebrar no parque de San Francisco, trasladouse para o auditorio municipal Hernán Naval, que estivo repleto de público.
Actuou en primeiro lugar a Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, dirixida por José Lodeiro Gesto; seguidamente tocou a Agrupación Musical de A Guarda, que dirixe Víctor Luis Alonso Treinta; e pechou o festival a Banda Municipal de Música de Ribadeo, coa dirección de David Ballester Martínez.
Ao rematar as actuacións os representantes das tres bandas intercambiaron agasallos e finalmente o Concello de Ribadeo entregou un obsequio como recordo da súa participación neste festival, concretamente unha figura de cerámica do artista mariñán Otero Regal, ás tres agrupacións.