O auditorio ao aire libre de Cabanela, no paseo marítimo de Ribadeo, acollerá este sábado, día 20, a partir das oito da tarde o xa tradicional concerto churrascada da Banda de Música Municipal de Ribadeo organizado pola asociación Amadores da Música.
O presidente do colectivo, Chema Suárez, anunciou que “será un día especial, como xa se leva facendo desde hai anos, que está dedicado aos músicos e aos socios, para participar todos. Vamos dar un concerto no auditorio natural de Cabanela, que ten unha acústica moi boa e está nunha paraxe incomparable, como é fronte á ría. Daremos un concerto e despois vai haber unha churrascada, na que pode participar a xente en xeral a un prezo asequible, pero os músicos da Banda están invitados”.
Chema Suárez engadiu: “esperamos, como outros anos, ter unha festa guapa, animada e na que o pasemos ben. É unha forma de confraternizar un pouco entre todos: co público que asista, socios, músicos, … Vamos estar divertíndonos un pouco, pasando un día diferente, despois de dar un concerto que ademais vai estar moi guapo porque este ano é algo especial; vai ser quizais unha sorpresa para moita xente”.