A Banda Municipal de Música de Ribadeo abarrotou o Cine Teatro ribadense no seu tradicional concerto Aquí como en Viena, celebrado na noite do pasado venres, día 30 de decembro de 2016.
Este evento, que todos os anos inclúe actuacións diferentes, curiosas e divertidas, comezou co director, David Ballester Martínez, e os músicos Bruno Maseda da Veiga e Carmen López Diniz disfrazados de obreiros da construción para interpretar unha peza na que os percusionistas citados anteriormente tocaron con lixas. Foi o tema Sandpaper Ballet, de Leroy Anderson. A continuación a Banda de Ribadeo tocou Concerto for Triangle, de Mike Hannickel, co debutante na formación Carlos Villar Pérez como triángulo solista. Na primeira parte do concerto tamén interpretaron outras pezas, como A mis niños de 30 años, coa música de cancións popularizadas polos famosos pallasos da tele, peza para a que o director e os músicos se caracterizaron de pallasos.
A segunda parte da actuación foi máis seria, pero igual de atractiva para o público, e incluíu polkas e valses, como no concerto de Aninovo que se celebra en Viena.