A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto Aquí como en Viena o sábado 30 de decembro ás 21:00 horas no Cine Teatro. O director da banda, David Ballester, subliña que será unha actuación especial porque estarán moitos músicos que traballan ou estudan fóra de Ribadeo e volven polo Nadal á vila polo que contarán con máis compoñentes do que é habitual.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo anunciou hoxe que “coas datas do Nadal chega o típico concerto Aquí como en Viena, da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Este ano terá lugar o sábado 30 de decembro, ás nove da noite no Teatro”.
David Ballester comenta que “é un concerto especial tanto polas datas nas que nos atopamos, xa que imos poder aproveitar todos estes músicos que temos traballando ou estudando fóra de Ribadeo co cal a plantilla da Banda ampliarase un pouco, e tamén porque é o último concerto do ano do 25 aniversario da Banda”.
O director da Banda explica que “o concerto estará dividido en dúas partes: a primeira un pouco máis informal, que estará dedicada á música dos anos 60 e 70, con obras de músicos ou cantantes como Raphael, Mocedades e algún remix. A segunda parte estará dedicada, como sempre, a Viena, con polkas e valses. Este ano o concerto estará baixo dúas batutas: a de Rubén Solloso, que é o noso segundo director, e máis eu”.
Ballester salienta que “como sempre pasa neste concerto, pode xurdir algunha que outra sorpresa que esperemos que sexa do agrado de todos os que nos veñan ver e escoitar”. E rematou invitando a “toda a xente que estea por Ribadeo o sábado 30 a que se achegue ás nove da noite ao Cine Teatro”.