O ribadense parque de San Francisco acolleu onte, sábado, a vixésimo cuarta edición do Festival de Bandas de Ribadeo, organizado pola asociación Amadores da Música, no que participaron as formacións de Villamayor (Salamanca), Vilalba e a ribadense.
O evento contou coa presenza de numeroso público. Antes de empezar as actuacións das bandas no escenario instalado no parque de San Francisco ofreceron un pasarrúas que comezou no Teatro.
A primeira que actuou foi a banda de Villamayor, dirixida por Pedro Hernández Garriga; despois fíxoo a de Vilalba, baixo a dirección de César Concheiro Guerrico; e pechou o festival a de Ribadeo, que dirixe David Ballester Martínez.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e a presidenta de Amadores da Música, Elisa Álvarez, entregaron agasallos ás tres bandas participantes no festival, que foi presentado pola xornalista Carmen Cruzado, directora de Faro Norte Comunicación.