A BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA DE RIBADEO OFRECERÁ TRES CONCERTOS ESTA SEMANA, DOUS NA VILA RIBADENSE E UN EN LUARCA.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo terá tres actuacións esta semana. A primeira delas será este xoves, día 16, cando ofrecerá o tradicional concerto de San Roque ás 13:30 horas xunto á capela do copatrón da vila ribadense. O venres 17 a Banda de Ribadeo actuará na localidade asturiana de Luarca e o sábado 18 terá lugar en Cabanela o tradicional concerto churrascada ás 21:00 horas.
 
O director da formación, David Ballester, anunciou que “a Banda Municipal de Música de Ribadeo celebrará San Roque, como é tradicional, cun concerto á unha e media do mediodía xusto a carón da capela de San Roque, no que interpretaremos un repertorio variado”.
 
David Ballester engadiu que “o venres 17 de agosto, debido a que o ano pasado a Banda de Música de Luarca veu ao noso Festival de Bandas, este ano respondémoslle coa nosa visita e iremos a Luarca, que celebra o San Timoteo, e participaremos alí nun festival de bandas”.
 
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo adiantou ademais que “o sábado 18 de agosto ás nove da noite teremos tamén o concerto churrascada en Cabanela, onde a Banda vai interpretar obras coñecidas. Como é un concerto máis informal imos tocar temas animados actuais, non vou dicir cales, pero a xente que vaia seguramente os identifique e vai ser un concerto movido. Ao rematar a actuación haberá esa churrascada, na que sempre nos axudan os Amigos da Semana Santa, aos que lles agradecemos a súa colaboración”.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...