O trompetista da Banda Municipal de Música de Ribadeo Álvaro García, que estuda Deseño en Bilbao, elaborou o cartel do concerto de Santa Cilla que se celebrará no Cine Teatro este sábado, día 24, ás 20:30 horas.
Sobre esa actuación o director da Banda de Ribadeo, David Ballester, anunciou que “teremos a Carlos Villar tocando unha peza de xilófono, como solista, e tamén haberá un dúo de frautas, a cargo de Paula Pérez e Eva Iglesias, cunha obra de aires celtas que está bastante ben”.
O director da Banda ribadense comentou tamén que “ultimamente neste concerto de Santa Cilla dedicamos a algún compositor unha serie de pezas en concreto. Este ano ímolo facer dedicado ao compositor e director belga Bert Appermont, que é un dos meus compositores preferidos para música de banda e tiven a sorte de coñecelo nunha conferencia en Pontevedra”.
Ballester quere “invitar a toda a xente que estea a fin de semana do 24 de novembro por Ribadeo a que se achegue ao Teatro ás oito e media da tarde. Tamén quero sinalar que destas obras que imos tocar de Bert Appermont máis as de solistas só dúas delas foron xa interpretadas pola Banda Municipal de Música de Ribadeo; o resto serán interpretadas por primeira vez pola nosa Banda”.