A BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA DE RIBADEO OFRECERÁ O SEU TRADICIONAL CONCERTO AQUÍ COMO EN VIENA O DÍA 29 DESTE MES NO TEATRO. O AFORO SERÁ LIMITADO POR SEGURIDADE E COMODIDADE DOS ASISTENTES.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto Aquí como en Viena, o 29 de decembro, ás 21:00 horas no Teatro ribadense. A Banda interpretará polcas, valses e outras pezas típicas destas datas, ademais doutros temas e haberá sorpresas. O aforo a este concerto será limitado por seguridade e comodidade dos asistentes.
 
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo, David Ballester, anuncia que “chegadas estas datas do Nadal, a Banda Municipal de Música de Ribadeo retoma ese concerto anual que é o Aquí como en Viena, que sempre acaba desembocando en temas vieneses como polcas e valses”.
 
David Ballester sinala que “este ano a primeira parte vai ser un conto que se desenvolve todo el en Viena e tocaremos cinco obras, das cales catro serán interpretadas por primeira vez pola Banda Municipal de Música de Ribadeo. Creo que é algo a resaltar, tendo en conta que hai escasamente un mes a Banda xa tivo un concerto no que a gran maioría das obras eran tamén tocadas por primeira vez. Neste concerto, como todos os anos, haberá algunha pequena sorpresa”.
 
O director da Banda ribadense subliña: “para min é un dos concertos máis entrañables porque recibimos a todos estes rapaces, a todos estes músicos, que temos fóra traballando e estudando, entón a plantilla da Banda será un pouquiño máis grande que noutras ocasións”.
 
Ballester quere “invitar á xente que estea aquí pasando estas datas de Nadal a que se achegue polo Teatro o 29 de decembro ás nove da noite. En canto ás entradas, como fixemos outros anos porque é un concerto no que habitualmente, por sorte para nós, se enche o Teatro, entón por seguridade e comodidade para todos imos limitar o aforo ás localidades que ten o Teatro. Polo tanto a xente que se queira achegar terá libre acceso ata que completemos ese límite de aforo”.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...