O CONCERTO AQUÍ COMO EN VIENA, DA BANDA DE RIBADEO, ABARROTOU DE PÚBLICO O TEATRO RIBADENSE.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo, dirixida por David Ballester, abarrotou de público o Teatro ribadense durante o seu tradicional concerto de Nadal denominado Aquí como en Viena, que tivo lugar na noite do pasado sábado.
 
O concerto dividiuse en dúas partes. Na primeira interpretaron cinco pezas, das cales catro foron tocadas pola Banda ribadense por primeira vez: The syncopated clock, El caracol mifasol, La escala sido e Santana a portrait. Entre un tema e o seguinte narrouse a historia dun neno que quería chegar a dirixir a Filarmónica de Viena e en tres desas obras os músicos, ademais de tocar, cantaron. A historia rematou nesa primeira parte co rapaz dirixindo o concerto de Ano Novo en Viena e desembocou na segunda parte, coa interpretación das típicas pezas desa actuación, como valses e polcas.
 
Despois fixeron dous bises. O primeiro foi o vals A orillas del Danubio azul e antes de tocalo o director da Banda ribadense agradeceu a presenza de numeroso público neste concerto. O segundo foi a Marcha Radetzky e antes de interpretala David Ballester pediu un aplauso para os músicos polo seu bo traballo e estes desexaron un feliz ano novo. Como xa é tradicional, o público acompañou con palmas esa peza e cando rematou os espectadores aplaudiron intensamente durante moito tempo, polo que o director da Banda de Ribadeo tivo que saír tres veces a saudar.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...