A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto de Semana Santa mañá, mércores, ás 21:00 horas na igrexa parroquial de Santa María do Campo. Nesta actuación estrearán seis obras e debutará un novo trompetista.
O director da Banda ribadense, David Ballester, anunciou: “chegada a Semana Santa a Banda Municipal de Música de Ribadeo non podía faltar a esta data. Como o ano anterior, faremos o concerto de Semana Santa na igrexa parroquial, ás nove da noite o mércores 17 de abril. Aproveitando este motivo queremos convidar a toda a xente que estea en Ribadeo este mércores a achegarse ata a igrexa parroquial para disfrutar do concerto de Semana Santa. Este ano tocaremos sete obras, das cales seis serán interpretadas por primeira vez pola nosa Banda”.
Ballester salienta que “a Banda Municipal segue medrando e neste concerto fará o seu debut un novo trompetista, que está por Castropol e quixo formar parte da nosa familia da banda; entón daremos a benvida ese día a Alfredo na trompeta. É ademais un dos concertos nos que podemos aproveitar para contar con músicos que temos espallados pola xeografía nacional, como en Barcelona ou en Bilbao, que están con nós para poder tocar este día”.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo invita “a toda a xente a que o mércores 17 de abril ás nove da noite se achegue ata a igrexa parroquial” e agradece aos párrocos “a súa colaboración neste concerto. Así que tanto aos párrocos como aos Amigos da Semana Santa moitas grazas por contar con nós neste concerto”.