No concerto da Banda de Música Municipal de Ribadeo para celebrar o Día das Letras Galegas, que se celebrou onte, sábado, no Teatro ribadense, colaboraron Toni Deaño, como narrador nas tres primeiras pezas interpretadas, e o pianista Martín Bucki na terceira das obras, Ela, que tocou por primeira vez a Banda ribadense, igual que A fiada e Rosalía.
Antes de empezar a actuación foi presentada pola compoñente da Banda Eva Iglesias, que fixo unha descrición de Antón Fraguas, autor ao que se dedicou este ano o Día das Letras Galegas, e explicou que todas as pezas que se ían interpretar neste concerto eran obras de compositores galegos ou de temática galega.
A Banda de Ribadeo, dirixida por David Ballester Martínez, tocou Rosa de abril, de Andrés Gaos; Os teus ollos, de José Castro Chané; Ela, de Andrés Álvarez; Javier, de Felisindo Pérez Seara; O chopo, de Manuel Iglesias; A fiada, de José A. Lodeiro Piñeiroa; Rosalía, de Xanxo Rei e Sergio Rodríguez; e Muiñeira dos pendellos, de Juan Lois Diéguez. E como bis Martiñica, de Rogelio Groba e Indalecio Fernández. O concerto rematou coa interpretación do himno galego, co numeroso público que había no Teatro ribadense posto en pé.
David Ballester destacou que as dúas primeiras obras que tocaron nesta actuación foron arranxadas por Hernán Naval, o primeiro director da Banda ribadense na etapa actual, e lembrou que se cumpriron 18 anos do seu falecemento este venres, Día das Letras Galegas. Ademais dedicoulle o bis a un dos saxofonistas da formación, Monchín, que non puido actuar neste concerto pero que se encontraba no público.