A Banda de Música Municipal de Ribadeo ofreceu o seu tradicional concerto de Nadal Aquí como en Viena en dúas sesións, onte e o sábado, no auditorio Hernán Naval con aforo reducido. A primeira foi para familiares dos membros da Banda e a segunda para o público en xeral, e ademais foi retransmitida en directo a través de facebook. En cada unha delas a formación dirixida por David Ballester actuou dividida en dous grupos: o que ofreceu a primeira parte dos concertos estaba formado por 25 músicos e o que interpretou a segunda tiña 27 compoñentes. Todas estas novidades respecto ás edicións anteriores deste evento musical ribadense estiveron motivadas polas restricións sanitarias como consecuencia da pandemia de Covid 19.
Os dous concertos foron iguais e desenvolvéronse seguindo unha historia, na que os protagonistas eran uns mozos e mozas de Ribadeo aos que lles gustaba tanto a música que decidiron formar unha banda, e foise narrando a traxectoria desa formación, dende o primeiro concerto ata a actualidade.
Nas dúas sesións de Aquí como en Viena a Banda de Ribadeo interpretou estes temas: Concierto para triángulo, con Daniel Antolín Balea como solista; My heart will go on; Rudolph the red nose reindeer; Happy; Feliz Navidad; Bohemian Rhapsody; La Virgen de la Macarena; All I want for Christmas is you; Feuerfest, con Miguel Méndez Díaz como solista; e Orfeo en los infiernos. E os bises, que foron dedicados aos que estiveron traballando nos momentos máis duros da pandemia, foron Danubio azul e Radetzky.