A clarinetista Victoria López Veiga debutou no concerto de Santa Cilla da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que estreou catro obras. Foi na tarde noite de onte no Teatro ribadense.
As catro pezas que interpretou por primeira vez a Banda ribadense son Memory, de Andrew Lloyd Webber, na que actuou como trompa solista José Luis Pulpeiro Grueso; Jumper clarinet, de Óscar Navarro, con Alberto Clemente Avilés como clarinete solista; Nostalgia, de Rossano Galante; e Mar y cielo, de Jorge L. Vargas. Tamén tocaron The tempest, de Robert W. Smith; Convergence, de Larry Clark; The blues factory, de Jacob de Haan; e Pequeña rapsodia húngara, esta última como bis.
Despois da súa actuación como solista na segunda obra do concerto José Luis Pulpeiro dedicou unhas palabras de recordo á súa filla, a música da Banda ribadense Almudena, porque se cumpren 20 anos do seu falecemento en accidente de tráfico. Foi un momento moi emotivo para os compoñentes da Banda e para o público.
O director da Banda de Ribadeo, David Ballester Martínez, agradeceu o traballo dos músicos para levar a cabo este concerto e tamén a asistencia de público e o seus aplausos. Ademais dedicou a Almudena Pulpeiro Peña a obra que tocaron como bis para rematar a actuación.