A BANDA DE RIBADEO ESTREARÁ TRES MARCHAS PROCESIONAIS NO CONCERTO DE SEMANA SANTA QUE OFRECERÁ O 5 DE ABRIL NA IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DO CAMPO

A Banda Municipal de Música de Ribadeo estreará tres marchas procesionais no concerto de Semana Santa que ofrecerá o 5 de abril, mércores, na igrexa parroquial de Santa María do Campo.
 
O director da Banda ribadense, David Ballester, anuncia que “chega o concerto de Semana Santa da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que terá lugar o mércores 5 de abril ás 20:45 horas na igrexa parroquial de Santa María do Campo. Vai ser un repertorio todo de marchas procesionais, algunhas delas que xa interpretamos hai anos, pero tres das pezas que imos tocar están por primeira vez enriba dos atrís da Banda Municipal de Música de Ribadeo”.
 
David Ballester engade: “tanto desde a asociación Amadores da Música como desde a propia Banda queremos agradecer a colaboración da Confraría da Semana Santa de Ribadeo e dos párrocos da igrexa de Santa María do Campo polas súas facilidades para poder levar a cabo este concerto xa que non hai mellor lugar para interpretar bandas procesionais que a igrexa parroquial, que coa súa sonoridade fai que luzan moito máis esas pezas”.
 
Ademais o director da Banda ribadense invita “a toda xente que se atope o mércores 5 de abril en Ribadeo a que se achegue á igrexa parroquial a disfrutar das marchas procesionais que vai interpretar a Banda Municipal de Música de Ribadeo ás nove menos cuarto da tarde” e destaca: “poñemos enriba do atril tres pezas novas porque ir renovando o repertorio da Banda sempre é bo e quere dicir que seguimos funcionando con ganas”.
 
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...