A Banda Municipal de Música de Ribadeo, dirixida por David Ballester Martínez, congregou a numeroso público no concerto de Semana Santa, que ofreceu na igrexa parroquia de Santa María do Campo onte, mércores.
Nesta actuación A Banda de Ribadeo interpretou por primeira vez catro pezas: Palio Blanco, de Miguel Sánchez Ruzafa; Passio Granatensis e Mayor Dolor, as dúas de Ángel López Carreño; e Saeta, de Joan Manuel Serrat con arranxos de Guillermo Fernández Ríos. Tamén tocou Mater mea, de Ricardo Dorado Janeiro; Callejuela de la O, de Francisco J. Pérez Garrido; Hosanna in excelsis, de Óscar Navarro; e Crucifixus, de José Alberto Pina.
David Ballester agradeceu a colaboración dos párrocos e da asociación Amigos da Semana Santa por permitir facer o concerto na igrexa, que “é o mellor lugar para este tipo de pezas”.
A próxima actuación da Banda ribadense será o tradicional concerto das Letras Galegas, que está programado para o 17 de maio, venres, ás 20:30 horas no auditorio municipal Hernán Naval.